Willem Smit reaparece co Club Ciclista Rías Baixas na Volta á Provincia de Valencia

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Willem Smit.

A sensación do pelotón elite e sub23 está de volta en España. Willem Smit aterrou nas últimas horas a beiras do Mediterráneo, onde a partir deste xoves participará co Club Ciclista Rías Baixas na Volta Ciclista á Provincia de Valencia. A entidade presidida por José Luis Chamorro conseguiu liquidar todos os trámites burocráticos para contar co corredor surafricano na recta final da tempada.

Durante a súa anterior estancia no conxunto miñorano, o “Furacán Smit” arrasou no seu paso pola Península Ibérica. En menos de dous meses anotouse cinco triunfos, entre eles as xerais da Volta a Segovia e da Volta a León. Nunca baixou do noveno posto nos vinte días de competición que acumulou. Ese espectacular rendemento o catapultou ao cuarto posto do Ránking Elite da Real Federación Española de Ciclismo.

A finais de xullo tivo que regresar ao seu país e durante este último mes seguiu cultivando éxitos. A súa última vitoria foi a clasificación final do Tour de Etiopía. O surafricano comprometeuse co Club Ciclista Rías Baixas a defender as súas cores nas carreiras de setembro e en Valencia o seu principal obxectivo será preparar a Volta a Galicia.

A estrutura miñorana retomou a semana pasada o seu calendario cunha sobresaliente actuación na Volta á Illa de Tenerife. Jesús Nanclares impúxose na primeira etapa e asinou un segundo posto na última. O ciclista berciano e os seus compañeiros Ivan Venter, Raúl González, Diego González, Jaime Guzmán e Jon Ander Tomei voaron desde Canarias ata terras valencianas. Despois de tres días de concentración, a partir deste xoves mediranse a outros vinte equipos españois e a cinco estranxeiros.

A sétima edición da Volta Ciclista á Provincia de Valencia consta de catro etapas. A primeira, de 143 km, sairá desde a capital do Turia e terá situada a meta en Riba-Vermella. A segunda, con saída e chegada en Olocau, presenta un percorrido de 139 km. O sábado a carreira concluirá, tras 119 km, na Ermida de Sant Frances. Por último, a cuarta xornada, de 122.3 km, disputarase no circuíto semiurbano de Moncada, ao que se darán nove voltas.