Sin categoría

Baiona prevé a afluencia dunhas 20.000 persoas durante o Trial das Nacións

As dependencias do Concello de Baiona, entre as que se atopan as oficinas da Policía Local da localidade, foron marco esta mañá dunha reunión de seguridade para analizar o desenvolvemento do Trial das Nacións, un dos maiores eventos do motor a nivel mundial, que se celebrará os días 22, 23 e 24 de setembro.

Convocados polo xefe da policía baionesa, Pedro Alonso, contou coa presenza de responsables da Garda Civil, representada polo Sarxento do posto de Baiona, David González; o vicepresidente de Protección Civil do Val Miñor, David Pais; o presidente da Peña Moteros Val Miñor e organizadores da cita intercontinental, José Durán; e a xerente da empresa Jet Vigo, Sandra Fernández, deportista de recoñecido prestixio internacional, e que se fará cargo da vixilancia con motos de auga desde o mar da contorna periférica da competición.

O Trial das Nacións reunirá en Baiona a miles de afeccionados chegados desde todo o mundo, unha das citas de maior calidade dentro do ámbito da especialidade, ao ser unha selección de países que contará cos seus mellores embaixadores.

Tras a experiencia adquirida no desenvolvemento e organización de campionatos nacionais e mundiais, a Peña Moteros Val Miñor estima a chegada a Baiona unhas 20.000 persoas que non quererán perderse a competición, cunha ocupación hostaleira do 100%, a maior parte dela cos pilotos, mecánicos, técnicos, directivos e familiares dos pilotos.

Previo a este encontro, os organizadores reuníronse no despacho de Alcaldía co máximo rexedor da vila, Ángel Rodal, e a súa concelleira de deportes, María Jesús Martíns, nunha dos habituais repasos ás necesidades e trámites institucionais para o seu correcto desenvolvemento.

REUNIÓN DE SEGURIDADE DO TRIAL DAS NACIÓNS DE BAIONA
FOTO: JUAN CABALLERO // Reunión de seguridade do Trial das Nacións de Baiona.