O Concello de Baiona busca voluntarios para participar na organización do III Vertiatlón Solidario, que se celebra o vindeiro sábado 16 de setembro co obxectivo de colaborar coa Escola Adaptada para persoas con diversidade funcional do Monte Real Club de Yates.
Os voluntarios, que deberán ter máis de 16 anos, encargaranse de diversas tarefas loxísticas da competición, como a atención a deportistas, o control de puntos de paso, os avituallamentos ou a atención sanitaria. Todos aquelas persoas que queiran colaborar poden inscribirse desde hoxe mesmo no pavillón de deportes de Baiona, chamando ao 986 356 558. O seu esforzo premiarase cunha camiseta e a participación na festa final do evento.
A terceira edición do Vertiatlón Solidario volverá ser do tipo sprint. Os participantes deberán completar 750 metros a nado en augas da baía, pedalear case 20 quilómetros polas rúas de Baiona e correr 5 quilómetros ao redor do Parador Nacional. Participar nesta proba solidaria, para a que aínda está aberto o prazo de inscrición, terá un custo de 25 euros para deportistas federados e 30 para non federados. Os deportistas máis novos, da clase cadete, poderán participar gratis se están federados e pagando 6 euros se non o están.
Todo o diñeiro que se recade coas inscricións destinarase á Escola de Vela Adaptada do Monte Real, na que durante todo o ano navegan persoas con discapacidade funcional de distintas asociacións galegas. Na última edición do Vertiatlón participaron máis de 200 persoas e recadáronse preto de 5.400 euros. Este ano, entre os participantes, sortearanse, ademais, unhas zapatillas de edición limitada asinadas por Usain Bolt. Son unha réplica das usadas polo once veces campión do mundo na súa despedida das pistas este verán en Londres.

