O Rei Juan Carlos chega ao Monte Real para participar no Trofeo Príncipe de Asturias

FOTO: LALO R. VILLAR // Don Juan Carlos chegou con Pedro Campos Baiona.

A súa maxestade o Rei Juan Carlos chegou esta mañá a Baiona para participar como regatista na trixésimo segunda edición do Trofeo Príncipe de Asturias, que se celebra ata o domingo nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar.

O monarca emérito chegou ao club baionés pasadas as once da mañá acompañado polo seu amigo e compañeiro de regatas, Pedro Campos, e foi recibido polo presidente do Monte Real, José Luis Álvarez, e o comandante director da Escola Naval Militar, José María Núñez Torrente.

Tras manter unha reunión preparatoria co seu equipo, Don Juan Carlos, saíu á auga para disputar as primeiras probas do trofeo a partir da unha.

Navega a bordo do Bribón Movistar, un veleiro da clase 6 metros internacional, na súa división moderna, armado polo empresario José Álvarez, construído en Galicia e botado en Sanxenxo o pasado mes de maio. Ademais de Pedro Campos, completan a súa tripulación Alberto Viejo, Alejandro Abascal e Roi Álvarez.

Anuncios