Sufrido pase aos oitavos de final da mellor competición de fútbol sala de Galicia, onde os locais estiveron dúas veces á fronte do marcador pero tiveron que pasar polo punto fatídico para selar o pase á seguinte rolda.
E é que enfronte estaba un equipo con moita experiencia que será, sen dúbidas, un serio candidato a pelexar pola Liga Autonómica Sur a tempada 17/18.
O partido empezou con claro dominio visitante e con algunha escasa oportunidade do Cereixa FS que aos poucos se foi soltando, ata atopar nun golpe de fortuna, o 1-0 co que se chegaría ao descanso.
Na continuación o Mosteiro Bembrive apertou moito máis aos locais que defendían contra vento e marea a escasa renda conseguida. Tanto insistiu o visitante que o empate chegou ao electrónico (1-1) e o resultado era xusto polo visto ata o momento. Con todo, un feito ía ser fundamental; Gabriel Denis Vasconcellos marchábase só a gol e era derrubado por un contrario que vía o cartón amarelo e colocaba ao seu equipo con cinco faltas en contra. A sexta non se faría esperar e Huguito Gonzálvez a falta de 4 minutos colocaba o 2-1 para delirio dos afeccionados.
O Mosteiro Bembrive tiña que arriscar e optou por atacar en superioridade para conseguir o empate. O Cereixa FS defendíase ben e parecía que o partido estaba pechado, pero a falta de 25 segundos para o final, chegaba o gol visitante caendo como un xerro de auga fría en Gondomar.
Os numerosos afeccionados que se achegaron ao Pavillón Municipal asistían perplexos á posibilidade de que unha vez máis o Cereixa FS quedase sen carga cunha sorte esquiva. Pero non foi así, esta vez tocaba celebrar e Edu Rodríguez Pérez marcaba o primeiro da quenda para poñerse en vantaxe. A continuación, o Mosteiro Bembrive fallaba e Álex Cabral Álvarez rebentaba a portería para o 2-0 parcial, resultado que ao cabo sería definitivo tras un novo fallo do visitante.
Final e o Cereixa Gondomar FS que estará nos 1/8 da Copa Galicia como un dos 16 mellores equipos da comunidade. Enfronte o Pizarras Los Tres Cuñados de 2B que eliminou ao Pazos de Borbén, actual campión de terceira división nacional.

