Os surfeiros de Patos Surf Club afrontaron este xoves un reto que mestura deporte e espectáculo a partes iguais, surf nocturno, ou o que é o mesmo, surfear cando se poña o sol. Ataviados cuns traxes de neopreno aos que engadiron tubos luminosos de neón de cores moi rechamantes, uns grandes focos desde terra e unhas táboas tamén ataviadas con luminosos fluorescentes, iluminaron a auga da praia de Patos.
O Concello de Nigrán e Patos Surf Club, xunto coa Federación Galega de Surf e coa colaboración de Novalbos, organizaron unha actividade única en España o día que o club cumpre 24 anos nos areais de Patos.
A velada comezou co grupo de pop rock «San Rockers», gañadores do festival Emerxe. Con eles chegou a posta de sol e deuse a benvida á noite máis luminosa. Despois chegou Plaza Fitness co primeiro Zumba Luminoso, con maquillaxes e roupa que brilla na escuridade, como quecemento para as actividades nocturnas.
A música volveu a continuación pero esta vez con beat box. “Rap a golpe de Beat box” é o título do espectáculo creado e presentado por Davbeat & Risk, no que a combinación de beat box & voz converteron este directo nun método totalmente único de ofrecer música e espectáculo.
Ademais de todo o aparato luminoso, outra parte importante do espectáculo deuna o malabarista-escupefogos. Outra das novidades foi o paddelboard nocturno. Os mozos de “Surf Vigo Paddlesurf” sacaron as súas táboas de remos con luces fluorescentes na escura noite do Val Miñor.
Na exhibición de surf nocturno participaron os mellores surfeiros das Rías Baixas, que foron os encargados de entrar na auga e coller as primeiras ondas na noite pechada de Patos, iso si, coa axuda das táboas fluorescentes previamente preparadas para a ocasión. O espectáculo estivo garantido.
A música tampouco faltou grazas a DJ Viktor Flores, que foi residente do club Vademecwm e en 2003 foi seleccionado como o único español participante na edición dese ano da Red Bull Music Academy, que se celebrou en Cidade do Cabo.
Tamén se proxectaron películas toda a noite, a historia do surf en Galicia, imaxes das orixes do club tanto na praia de Patos como coa escola de surf nos surfaris por Galicia. Isto e un mercadillo surfeiro foi o que se puido ver este xoves en Patos para despedir o verán.

