Nigrán Decide urxe á aplicación do Plan de control de verteduras aprobado polo pleno

FOTO: PLATAFORMA POLA PROTECCIÓN DA FOZ DO MIÑOR // Vertedura no Río Miñor.

A moción presentada polo grupo municipal de Nigrán Decide para o establecemento dun Plan de control de verteduras foi aprobada por unanimidade en novembro de 2016, pero o mesmo que ocorreu con outros acordos, o goberno municipal incumpriu o acordo plenario.

Nese Plan de verteduras, orientado ao control das verteduras existentes e á detección de outras novas, establecíase que debería existir un control real e efectivo do mantemento da rede de saneamento por parte do Concello, un programa de vixilancia e de control dos ríos e litoral, no que se inclúa a súa análise, así como de todas aquelas verteduras que hai en Nigrán para detectalas e poder actuar sobre elas.

“Cómpre destacar que o goberno municipal, escudándose na falta de competencias, non adoptou medidas para detectar novas verteduras, nin adoptou medidas preventivas, máis alá dalgunhas reparacións unha vez detectados os problemas, como aconteceu neste incidente do mes de agosto. A súa actuación parece estar guiada polas casualidades e pola improvisación”, sinalan desde Nigrán Decide.

A Xunta de Galicia tamén pode ter responsabilidades

Para Nigrán Decide, a Xunta de Galicia tamén pode ter responsabilidades, pois é quen xestiona as depuradoras de Nigrán e de Gondomar, “polo que no Plan de verteduras proposto por nós, tamén se incluía unha investigación do funcionamento da Estación de Depuración de Augas Residuais de Nigrán, pola súa posible incidencia na contaminación, agora constatada, do Río Muíños”.

“O problema da contaminación no litoral de Nigrán é real, tal como con relación ao incidente ocorrido a mediados de agosto recoñece o alcalde, e non se soluciona nin con fotografías, negándoo ou con polémicas absurdas para tratar de desviar o foco do verdadeiro problema e derivar responsabilidades”.

“Este grave problema que ten Nigrán soluciónase traballando, cooperando entre todas as partes implicadas, con sinceridade, sen enganos e con propostas en positivo como foi a nosa do Plan de control de verteduras”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que “o lixo non se esconde debaixo da alfombra, pois ao final estalan os problemas como aconteceu este mes de agosto”, finaliza Cuevas.

Anuncios