Sin categoría

A Deputación impulsa a produción horto froiteira e apícola en espazos protexidos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa da posta en marcha DepoVerde, un novo proxecto dirixido a mellorar a empregabilidade das zonas medioambientalmente protexidas da provincia de Pontevedra cun orzamento total de 140.000 € e que conta con financiamento dos Fondos Europeos a través de “Empleaverde 2017”, da Fundación Biodiversidad. Esta novidosa iniciativa proponse “crear emprego no sector da horto-froitaría e apicultura, impulsando marcas de calidade en espazos da Rede Natura con produtos sustentables, ecolóxicos e cun valor engadido”, segundo explicou a presidenta.

Segundo explicou Carmela Silva, o plan estrutúrase en tres fases. A primeira delas consistirá en formación teórico-práctica para dar a coñecer as diferentes actividades relacionadas coa horto-froiticultura e o sector apícola sustentables. Nunha segunda etapa, as emprendedoras e emprendedores poderán rexistrar os seus produtos nunha marca de calidade diferenciada, que garanta a súa produción sostible e a súa procedencia dun espazo protexido. Por último, durante a terceira e última fase, obterán a certificación de calidade que permitirá a todas as persoas beneficiarias da iniciativa comercializar os produtos que producirán de maneira sostible nestes espazos da Rede Natura.

Co obxectivo de impulsar o proxecto, tamén se vai crear unha base de datos que incluirá información das persoas participantes nos obradoiros de formación e que estará dispoñible para as empresas e entidades que oferten empregos relacionados coa horto froiticultura e a apicultura sostibles. Esta base de datos, segundo puntualizou Carmela Silva, servirá para configurar unha rede que aglutine a todos os axentes implicados no desenvolvemento rural das zonas protexidas nas que terá lugar a iniciativa “e incrementar, así, os índices de empregabilidade das persoas, que, como saben, é un dos nosos obxectivos prioritarios”.

O proxecto pretende impulsar as producións horto froiteiras e apícolas de calidade en espazos protexidos da provincia como son as Zonas de Especial Protección para Aves (ZEPA) de Pontevedra como as Illas Cíes, o Complexo Intermareal Umia-O Grove – A Lanzada- Punta Carreirón-Lagoa Bodeira, a Illa de Ons ou o Esteiro do Miño; e os Lugares de Importancia Comunitaria propostos de Pontevedra como as Illas Cíes, o Monte do Faro, o Sistema fluvial Ulla-Deza, o Río Lérez, A Ramallosa, o Complexo Ons-O Grove, o Monte Aloia, o Río Tea, o Baixo Miño, as Brañas de Xestoso, o Cabo Udra, a Costa da Vela, as Gándaras de Budiño, as Illas Estelas, a Serra do Candán e do Cando, as Sobreirais do Arnego e a Enseada de San Simón.

A iniciativa estará financiada nun 80% polo Fondo Social Europeo, 110.000 €, o tope máximo que Europa pode achegar no marco desta convocatoria, nun 15% pola Deputación de Pontevedra (20.750 € ) e o 5% restante o aportará a Agrupación de Pequenos Agricultores e Agricultoras e Gandeiros e Gandeiras de Andalucía (7.000 €) quen é socia nesta iniciativa.

Con este novo proxecto, a Deputación de Pontevedra leva investidos xa máis de 12 millóns de euros (12.140.000 euros) procedentes da Unión Europa en iniciativas que “están a converter á provincia de Pontevedra nun lugar punteiro, innovador, que aposta polo emprego, polo desenvolvemento do rural, polo turismo, pola industria, polo crecemento sostible, pola mobilidade estudantil, pola integración no mercado de traballo da mocidade e pola promoción da cultura do emprendemento”, sinalou a Presidenta.

Así, son 8 os programas que a Deputación está a poñer en marcha con financiamento Europeo: 2,5 millóns de euros para “IN 4.0”, que pretende impulsar a dinamización e competitividade da industria naval da provincia de Pontevedra transformando o seu tipo de modelo nun negocio 4.0; preto 1 millón de euros para estratexias de cooperación intelixente no Río Miño Transfronteirizo a través de Smart Miño; 2 millóns e euros para Visit Río Miño a través do cal pretendemos preservar e valorizar este grande río; 2,1 millóns de euros en ESTRAEE, a través do cal pretendemos impulsar unha estratexia sostible transfronteiriza para a xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos; 900.000 € a través de “Practicum Depo 2017” para impulsar a mobilidade das e dos estudantes de formación profesional, 2,5 millóns de euros para o proxecto DepoIntegra Xove, a través do cal queremos impulsar a integración sostible no mercado de traballo da mocidade que non se encontre empregada nin participe nos sistemas de educación, e preto dun millón de euros para Depoemprende, co que pretendemos impulsar e promover a cultura do emprendemento.