Nanclares lidera ao Club Ciclista Rías Baixas na Volta á Illa de Tenerife

FOTO: PUROCICLISMO // Jesús Nanclares.

O calendario da categoría Elite e Sub23 entra no seu tramo final e o Club Ciclista Rías Baixas regresa á competición nas estradas de Canarias. Tras a paréntese do mes de agosto, a estrutura presidida por José Luis Chamorro participará desde este venres e ata o domingo na LXII Volta Ciclista á Illa de Tenerife. Jesús Nanclares exercerá de xefe de filas do equipo.

O corredor elite berciano estará escoltado por seis ciclistas sub23: o surafricano Ivan Venter, o madrileño Jaime Guzmán e os galegos Diego González, Jon Ander Tomei, Raúl González e Adrián Valvede. Esta cita será a primeira das tres roldas por etapas puntuables para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo que o conxunto miñorano, sexto clasificado na táboa Elite, disputará nas próximas semanas. Despois chegará a quenda para Volta á provincia de Valencia e a Volta a Galicia.

Sete formacións canarias, tres do resto do estado español e tres estranxeiras compoñerán o pelotón desta volta. Este xoves pola tarde terá lugar a presentación oficial na praza da Concepción de La Laguna e a competición poñerase en marcha o venres cun dobre sector. Pola mañá os corredores afrontarán unha etapa en liña, de 53 quilómetros, que unirá Buenavista del Norte con El Sauzal. Xa pola tarde celebrarase unha contrarreloxo por equipos Tejina-Vale Guerra-Tejina, de 6 kms.

Na segunda xornada, os participantes deberán completar os 130 kms da etapa entre Las Cañadas del Teide, con saída en Izaña, e meta en Candelaria, que discorrerá na súa maioría por vías do sur da Illa, con pasos por Vilaflor e Arona. O terceiro e último día o percorrido constará de 61 kms desde Los Silos ata Concepción de la Laguna, transitando por boa parte dos municipios do norte da Illa.