Xeira do IEM pola Vila Vella de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Igrexa Parroquial de Santa María de Baiona.

O Instituto de Estudos Miñoráns organiza este mércores 30 de agosto a xeira «Vila Vella de Baiona», dentro do seu programa das xeiras de verán 2017, e coa colaboración deste Concello.

O punto de encontro e inicio desta xeira, que estará guiada polo especialista Antonio Soliño Troncoso, será no adro da ex-Colexiata de Santa María, actual parroquial de Baiona, ás 18:30 horas.

Erizana no século XII era un couto que pertencía ao mosteiro cisterciense de Oia tras doazón de Afonso VII. Vólveo rescatar para a causa real Afonso IX en abril de 1201. Un mes máis tarde o mesmo rei estando en Faro, actual cidade da Coruña a teor das investigacións de Gonzalo Navaza, concédelle carta foral por medio da cal a institúe vila de reguengo co novo nome de Baiona. Se damos crédito de pervivencia espacial á morfoloxía urbana, e acolléndose ao descoñecemento de estudos arqueolóxicos que deneguen a tese, entendemos que a vila naquel tempo probablemente tivo asentamento lineal entre a actual ex-colexiata e o areal do activo porto, unha localización de dificultosa defensa se se compara coa península de Monte Boi. Este promontorio, con seguridade provisto de moi cativa cerca, recibe carta de privilexio dos Reis Católicos no ano 1497. Esta carta cámbialle o antigo nome polo de Monte Real e ten por obxectivo crear unha nova vila, tamén de reguengo, igual de economicamente competitiva e cun porto de referencia, pero moito máis forte e segura dende a óptica militar que remate por substituír a Baiona, á vila mariñeira. E efectivamente, Monte Real alcanzará durante o século XVI os obxectivos para os que foi creada, non obstante nunca deixará de existir a vila medieval que co tempo, para diferencialas, pasará a ser referida como Vila Vella, sen deixar nunca de ser Baiona. En realidade a poboación efectiva pasaría a ser o sumatorio de ambos os dous asentamentos. A puxanza de Baiona e do seu porto vaise manter ata mediados do século XVII.

Esta xeira quere percorrer o espazo urbano conservado da vella vila mariñeira, rúas e prazas do ámbito non murado, e deterse nas pezas arquitectónicas de maior interese que conforman o casarío. Comentaremos as pequenas prazas asentadas ao longo do principal eixe que atravesando a Vila Vella entraba a Monte Real, os espazos abertos arredor da parroquial e repararemos nas rúas fundacionais da trama urbana. Visitaremos obras protogóticas como a ex-Colegiata, góticas como o Cruceiro Cuberto, renacentistas como a Capela do Rosario, barrocas tales que a capela de Santa Liberata, o Convento da Anunciación, o antigo Hospital Sancti Spiritus, a Casa Correa e a Casa Mendoza. Tamén veremos as achegas ao patrimonio construído da vila por parte da burguesía do XIX tras a aparición do Estado Liberal. Todo durante as tres horas que, sumando comentarios e paradas, nos levará percorrer os escasos dous quilómetros de empedrado treito urbano entre apertado casarío, cheiro a salitre e notables perspectivas mariñas.