O Náutico de Panxón revitalízase e senta as bases para crear o seu equipo de regatas

FOTO: NÁUTICO DE PANXÓN // Os alumnos da Escola de Vela recibiron os seus diplomas.

O Club Náutico de Panxón pechou este pasado fin de semana a tempada da súa Escola de Mar co acto de entrega de diplomas aos alumnos que durante todo o verán participaron nos cursos de vela lixeira, windsurf e kaiak.

O delegado da Xunta na área de Vigo, Ignacio López-Chaves, participou xunto á directiva do Náutico de Panxón, así como socios e familias dos alumnos, no acto celebrado nas instalacións do club a noite do pasado venres.

Despois de varios anos nos que a actividade do club e a súa Escola de Vela decaeran dunha maneira importante, un novo proxecto deportivo impulsado polo seu novo comodoro, Alberto de la Cerda, e patrocinado por empresas de Nigrán, como Marine Instruments, e outras galegas e mesmo de ámbito nacional, como Atunlo, Stoco, Kartin, Confremar ou Ensa, revitalizou unha entidade e unha escola que conta cunha traxectoria de máis de 25 anos.

O balance de resultados deste verán, con máis de 150 novas licenzas de vela e plena ocupación das prazas ofertadas durante os meses de xullo e agosto, demostran o importante impulso que recibiu o club tras recuperar os cursos de vela lixeira, windsurf e kaiak.

Tras o éxito logrado co novo proxecto deportivo posto en marcha, a directiva pretende manter a Escola de Mar durante a tempada de inverno e poñer en marcha un novo equipo de regatas que ofreza continuidade á presenza dos alumnos no club.

“Estamos moi satisfeitos cos resultados obtidos, fíxose un gran traballo desde a entidade para revitalizar o club e cremos que agora é o momento de dar un paso máis adiante para crear o noso primeiro equipo de regatas, consolidar e recuperar a actividade náutica que tivo o club na súa historia recente”, explica Alberto de la Cerda.

Dentro dos novos plans da xunta directiva tamén entra a opción dunha posible colaboración sen ánimo de lucro cos colexios do Val Miñor co obxectivo de promocionar a vela lixeira e os deportes náuticos en toda a comarca.

IGNACIO LÓPEZ-CHAVES PARTICIPOU NA ENTREGA DE DIPLOMAS NO NÁUTICO DE PANXÓN
FOTO: NÁUTICO DE PANXÓN // Ignacio López-Chaves participou na entrega de diplomas xunto á directiva e os monitores.