Nigrán Decide pide explicacións pola retirada das bandeiras azuis das praias

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Praia América desde Lourido.

O grupo municipal de Nigrán Decide pide ao goberno municipal de Nigrán que explique publicamente as razóns polas que foron retiradas as bandeiras azuis.

“Se ben Nigrán Decide non comparte a política de fomento de turismo mediante a concesión de bandeiras azuis, por ser concedidas por unha entidade comercial, privada e non por un organismo público e oficial, a súa retirada por parte do goberno municipal só pode estar motivada por algunha razón grave, que ten que ser aclarada publicamente para non empanar a imaxe de Nigrán, abondo deteriorada despois de que o Alcalde de Nigrán mentise publicamente sobre o episodio de contaminación biolóxica de curta duración acontecido a mediados do mes de agosto”, sinalan nun comunicado.

“Hai que destacar que o alcalde de Nigrán indicou a principios de verán que a consecución das bandeiras azuis eran resultado dos resultados das análises realizadas nas praias de Nigrán que, segundo el, corroboraban o traballo realizado desde o Concello para acabar coas verteduras”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide; “agora, o goberno municipal debe aclarar se esta retirada ten que ver co deterioro do medio ambiente, situación que esas mesmas análises están poñendo de manifesto”, finaliza Cuevas.