A Garda Civil detén a un mozo de Nigrán polo furto de 4.000 € nunha cafetería en Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Garda Civil detivo a un mozo de 18 anos, M.G.A., veciño de Nigrán, acusado de subtraer un sobre con 4.000 € nunha cafetería en Baiona.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, iniciáronse a semana pasada cando o propietario da cafetería denuncia que notara a falta dun sobre que contiña 4.000 €.

Na súa denuncia, o propietario do local determinaba a data e o momento exacto da última vez que introducira diñeiro no sobre, que foi determinante para reconducir as liñas de investigación e centrar as pescudas sobre un reducido número de persoas que aparecían como sospeitosas.

As investigacións concluíron inmediatamente coa localización e detención dun ex empregado da cafetería como presunto autor do furto. Este mozo levaba moi pouco tempo traballando na cafetería e xusto deixara voluntariamente o traballo, sen previo aviso, o mesmo día que faltara o diñeiro.

Unha vez prestada manifestación no cuartel da Garda Civil, onde recoñeceu a autoría do furto, púxose en liberdade coa obrigación de comparecer ante o Xulgado de Instrución nº 1 de Vigo, cando sexa citado.