O baionés Brais Gómez consegue a vitoria no Gran Premio Cidade de Vigo

FOTO: CLUB CICLISTA PONTEAREAS // Brais Gómez no más alto do podio.

Este sábado celebrouse a primeira xornada do XLIV Gran Premio Ciclista Cidade de Vigo, na que entraron en competición as categorías principiantes, alevín, infantil, cadete e elite-sub23.

Brais Gómez Cima proclamouse campión na modalidade cadete. O baionés de 16 anos ía no medio do pelotón nas dúas primeiras voltas pero nunha curva entrou primeiro, o que aproveitou para escaparse. O corredor do Club Ciclista Ponteareas comezou a quitar metros ao pelotón e rodou as 16 voltas restantes en solitario conseguindo entrar en meta a 30’’ do seu perseguidor.

O circuíto de ida e volta situado na rúa Areal, dentro do tramo comprendido entre a estación de Guixar e a rúa Oporto, con meta á altura do antigo Reitorado, ofreceu unha corda duns 900 metros cun perfil totalmente chairo, propicio para ciclistas potentes con moi boa punta de velocidade. No XLIV Gran Premio Cidade de Vigo, organizado polo Club Ciclista Vigués, danse cita este fin de semana 400 ciclistas, pertencentes a equipos de Galicia, Asturias, Cantabria, Portugal e Castela-León.

BRAIS GÓMEZ CIMA PROCLÁMASE CAMPIÓN NO XLIV GRAN PREMIO CIDADE DE VIGO
FOTO: CLUB CICLISTA PONTEAREAS // Brais Gómez xunto cos seus compañeiros de club.