O Grupo Municipal Esquerda Unida – Son de Baiona vén de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno do mes de setembro para que os parques infantís do municipio sexan máis inclusivos mediante a mellora da accesibilidade e a creación de novos parques ou a adecuación dos existentes co fin de que todos os menores, independentemente das súas capacidades funcionais, poidan desfrutar destes.
“Co gallo da remodelación prevista para o parque infantil da Palma, anunciada cun investimento de 211.000 €, temos a oportunidade de deseñar este novo parque inclusivo coas características necesarias para que todas as nenas e nenos poidan desfrutalo sexa cal sexa a súa capacidade funcional, así como de facer o estudo do resto de parques existentes no concello, a fin de poder ir facendo as modificacións pertinentes. E aínda que por parte da Deputación anunciouse que o novo parque sería accesible, a nosa pretensión é que todos os grupos políticos asumamos o compromiso de facelo efectivo, nese novo parque e tamén no resto de parques do concello”, sinala Silvano Montes, Voceiro do Grupo Municipal EU-Son.

