O Maserati, Premio Nacional de Vela ao mellor barco

O Maserati armado por Álvaro Irala e patroneado por Fernando León.

O Maserati de Porto Portals, armado por Álvaro Irala e liderado polo campión olímpico Fernando León, foi seleccionado como o mellor barco ORC polos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, uns galardóns que, desde hai máis de 25 anos, recoñecen aos mellores do mundo náutico en España.

Á hora da súa elección, o xurado que outorga os galardóns valorou, de forma especial, a vitoria lograda en 2016 polo Maserati na trixésimo quinta edición da Copa do Rei MAPFRE, na que se fixo co triunfo tras lidar con algúns dos mellores barcos da actualidade e patróns da talla de Rayco Tabares, Alex Rodger, Jaime Rodríguez Toubes ou Rui Ramada, entre outros.

Fernando León e os seus conseguían facerse co trofeo máis prestixioso do Mediterráneo xusto cando se cumprían vinte anos doutra das grandes fazañas do lendario patrón, a de lograr o ouro nos Xogos Olímpicos de Atlanta 1996 xunto a José Luis Ballester, co que competiu na clase Tornado.

Os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda premian, ademais, o poderío que se reúne a bordo o DK46 Maserati. Baixo as directrices de León, patrón e responsable da parte deportiva, regatean outros canarios como Jose Ponce, Luis Martínez Doreste, Juan Luis Wood e Kevin Rosales; o alacantino Álvaro Irala, o barcelonés Guillermo Altadill, os gaditanos Nacho Alcina e Jaime Martínez del Cerro, o galego Ramón Lago e o mallorquino Matías Picornell.

O Maserati recibirá o seu galardón o próximo 2 de setembro en Baiona, coincidindo coa celebración da trixésimo segunda edición do Trofeo Príncipe de Asturias, que albergará tamén a gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, organizada polo Monte Real Club de Yates.