Máis de 20 hectáreas afectadas en Peitieiros segundo as primeiras estimacións

FOTO: MANIFESTO MIÑOR

A Consellería do Medio Rural informou a primeira hora da mañá que o lume forestal declarado na noite do luns en Gondomar atópase estabilizado desde as 5:00 desta madrugada. Segundo as primeiras estimacións da Xunta, afectaría a unha superficie de máis de 20 hectáreas, cifra que xa elevan a 40 desde o grupo Manifesto Miñor.

“Os lumes de Peitieiros, Prado-Morgadáns (non sei se tocou algo en Couso), e ogallá que non tocara o Parque Natural do Aloia, parecen controlados e extinguidos”, comentaba nas redes sociais Antonio Araújo, concelleiro de Medio Ambiente de Gondomar.

O incendio forestal declarouse ás 21:58 deste luns na parroquia de Peitieiros. O lume, segundo veciños da zona, iniciouse xusto despois da posta do sol e en varios focos á vez, o que fai supoñer que foi provocado. Nos labores de control levan traballado 6 axentes, 19 brigadas, 18 motobombas e 2 pas.

“Gratitude infinita ás brigadas de bombeiros que actuaron; á Policía Local e á Garda Civil, que estiveron activas e controlando a situación por se era necesario actuar e o lume chegaba ás casas. E a todos vós por estardes activos e informar. Isto é cousa de todos. Agora só falta conseguirmos que os gobernantes cambien as nefastas políticas forestais”, sinala Araújo.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.