Extinguido o lume forestal que afectou a 38,94 hectáreas de monte en Peitieiros

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Os alcaldes de Gondomar e Tui na zona afectada.

A Consellería do Medio Rural vén de informar que o incendio forestal declarado na noite do luns en Gondomar, que estaba controlado desde as 14:35 deste martes, deuse por extinguido ás 19:47 horas. Segundo as últimas estimacións, afectou  unha superficie de 38,94 hectáreas, todas elas de monte raso.

O incendio forestal declarouse ás 21:58 deste luns na parroquia de Peitieiros. O lume, segundo veciños da zona, iniciouse xusto despois da posta do sol e en varios focos á vez cunha separación duns 200 metros, o que fai supoñer que foi provocado. Nos labores de extinción traballaron 8 axentes, 20 brigadas, 19 motobombas e dúas pas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, percorreu a zona afectada xunto co seu homólogo de Tui, Enrique Cabaleiro, e persoal do servizo de extinción de incendios.

INCENDIO EN PEITIEIROS
FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Os alcaldes de Gondomar e Tui na zona afectada.