Detidos dous mozos de Nigrán e Gondomar implicados nunha liorta en Baiona

A Garda Civil detivo a un veciño de Nigrán e outro de Gondomar, acusados de ser os presuntos autores das lesións sufridas por dous mozos, de 18 e 20 anos, veciños de Vigo, no transcurso dunha liorta que se produciu o 15 de xullo nos exteriores dunha discoteca de Baiona.

Os feitos, que foron denunciados polos dous mozos que resultaron lesionados na liorta, sucederon a mediados do pasado mes de xullo, cando foron agredidos no exterior da discoteca, como consecuencia dunha discusión intranscendente que se produciu no interior do local.

No relato dos feitos, estes mozos denunciaron que foron agredidos brutalmente por un grupo dunhas quince persoas que os esperaban á saída da discoteca. Un deles sufriu unha laceración renal con hematoma perirrenal, que lle orixinou cinco días de hospitalización, tres deles na UCI. O outro, aínda que de menor gravidade, sufriu un traumatismo parentocipital e unha ferida macrocontusa que requiriu tres grampas de sutura.

As investigacións realizadas polos efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán culminaron coa identificación e detención dos supostos autores materiais das lesións: C.C.R., de 19 anos, veciño de Gondomar e A.C.H., de 19 anos, veciño de Nigrán. Os dous arrestados teñen antecedentes recentes por feitos similares.

En relación cos mesmos feitos foron identificados e investigados polo mesmo delito de lesións, outros cinco novos en idades comprendidas entre os 18 e os 39 anos, no seu maior parte veciños do municipio de Nigrán, excepto un que reside en Baiona.

As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución núm. 3 de Vigo, que entende do caso.