Máis de 1.800 atletas inscritos na 33ª “Andar e Correr” de Baiona

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // A proba de 10 km.

Baiona xa ten todo preparado para a 33ª Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”- Gran Premio Coca-Cola 2017, a gran cita deportiva do ano que nesta ocasión estreará o Camiño Portugués pola Costa, posto que foi declarado oficialmente como ruta xacobea en 2016.

A proba organizada polas Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas pechou este mércores o prazo de inscrición cun total de 1.808 participantes (en 2016 foron 1.642), dos que 1.227 corresponden á categoría de Adultos e o resto a Alevíns, Benxamíns e Chupetes.

O percorrido será de 10 quilómetros, con saída ás 11:00 horas dende a entrada do Parador -xunto á Oficina de Turismo onde instalouse a mouteira oficial da ruta xacobea- e trazado polas rúas do Casco Histórico de Baiona, na súa meirande parte polo Camiño Portugués pola Costa. Así, os participantes pasarán por diante de monumentos emblemáticos como o cruceiro da Santísima Trindade, Santa Liberata, a rúa Conde ou a dura subida de San Antón, entre outros puntos de interese, ata alcanzar Baredo e regresar pola estrada da Guarda e o Rompeolas para finalizar no parque da Palma.

En Baredo, entre os quilómetros 4 e 5 de carreira, estará situado o punto de avituallamento e tamén un punto médico (o outro servizo médico estará situado na saída). Para os máis pequenos todos os percorridos serán na contorna do parque da Palma entre as 10:00 e as 10:45 horas.

A recollida de dorsais antes da carreira poderá facerse os días 18 e 19 de agosto no Pavillón Municipal de Baiona (de 09:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas) e o mesmo día da proba, tamén no Pavillón Municipal, entre as 08:00 e as 11:00 horas.

A clasificación será absoluta e por categorías. Entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría e aos vencedores absolutos da carreira (masculino, e feminino). Tamén recibirán un trofeo os primeiros baioneses clasificados (home e muller), que deberán estar empadroados no Concello desde xaneiro do ano en curso.

Palmarés

Alejandro Gómez (1987), Carlos Adán (1991, 1998, 2001 e 2013), Javier Gómez Noya (2007), María Jesús Gestido (1997, 1998 e 2001) ou Solange Pereira (2008 e 2010), estes son algúns dos máis recoñecidos atletas que xa inscribiron o seu nome na Carreira Pedestre Popular “Andar e Correr”.

As Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas conta cun total de 150 voluntarios para organizar a proba, despregarse nos puntos de paso, o avituallamento e controis de carreira.

Anuncios