San Pedro vaise de “parranda” a Morgadáns

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Parranda de San Pedro.

A Parranda de San Pedro, que este ano festexa o seu 100 aniversario, realizará este mércores a súa tradicional peregrinaxe desde A Ramallosa ata Morgadáns, como mostra de fe a San Roque.

Como cada 16 de agosto a comitiva partirá ás 9:00 da mañá, os maiores camiñando e os nenos, as viandas e os músicos, nesta ocasión a Charanga OT, subidos a tractores debidamente engalanados con flores para a ocasión.

Xa no torreiro de festas de San Roque asistirán á Misa Solemne e á procesión, para a continuación gozar da música e a comida na Carballeira, ademais das tradicionais “poxas” a cargo de Carlos Riveiro, ata as 19:00 horas, momento no que tocará iniciar o camiño de volta.

Con motivo do centenario fan un chamamento a todos os que vaian participar, a que se animen a ir vestidos como outrora, con saias ou pantalóns de época, boinas ou gorros de palla, sen que falte por suposto a camiseta da Parranda.