A Garda Civil incautouse de medio centenar de bolsos falsificados en dous postos de vendedores ambulantes no mercado de Patos (Nigrán).
A actuación levada a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil, coa colaboración da Policía Local de Nigrán, produciuse por mor dunha denuncia presentada por un coñecido fabricante de bolsos, con domicilio social en Vigo.
Na denuncia presentada por esta empresa poñíase en coñecemento das forzas e corpos de seguridade que no mercado que se celebra semanalmente en Patos, estaban a venderse bolsos falsificados que levaban incorporados a súa propia marca comercial, con dereitos propios reservados.
Na inspección que se realizou o pasado sábado no mercado, a Garda Civil e a Policía Local, localizaron dous postos de venda ambulante nos que se interviñeron 51 bolsos con etiquetas supostamente falsificadas da mesma firma comercial que presentara a denuncia.
En consecuencia, a Garda Civil procedeu á incautación dos bolsos ao mesmo tempo que se lles notificou aos responsables dos postos de venda a súa investigación como supostos autores dun delito contra a propiedade industrial, coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan requiridos.


