
Un total de 13 marcas de cervexa artesá de toda Galicia (unidas a unha de Madrid e outra do Bierzo) protagonizarán dende a tarde deste xoves ata o domingo no paseo de A Foz da Ramallosa o «Val Miñor Fest», o primeiro festival de toda a comarca dedicado á súa degustación. O evento, pensado para un público moi familiar, traerá tamén unha ducia de foodtrucks con diferentes propostas culinarias e ofrecerá todos os días gran variedade de obradoiros, charlas, catas, actividades infantís ou unha ducia de concertos en directo (a maioría de grupos con raigame en Nigrán, como San Rockers, Off Room ou Blue Monk). Organizado entre a marca ourensá Áncora, a nigranesa Trisk-Ale e o Concello de Nigrán, trátase da primeira vez que o evento abandona unha capital de provincia galega.
“Este é un novo festival que chega a Nigrán para quedarse e formar parte das nosas propostas máis señeiras do verán xunto ao Nigranjazz, Solpor ou Vive Nigrán. Nesta ocasión xira arredor dun producto cada vez máis demandado e con dúas marcas nigranesas no mercado. Ademais, á degustación de cervexas artesás únense diferentes actividades, destacando a presenza de grupos de música fundamentalmente locais e de gran calidade, seguindo a liña de Solpor en Monteferro. Como é habitual xa, situamos o evento ao aire libre e nun lugar de gran beleza como é a Foz”, resume o alcalde, Juan González.
“Todas as marcas terán prezos máis baratos que o habitual nestas cervexas, con como mínimo unha delas a 2 euros. Haberá para todos os gustos: cervexa rubia tradicional, suaves ou ata de 12 graos, de castañas, con mel, chile…”, explica Esteban Loureiro, da firma Áncora, quen incide en que o obxectivo “é promocionar o consumo deste producto artesá, que conta no mercado con dúas marcas nigranesas xa consolidadas como Trisk-Ale e Vacaloura”.
O público asistente poderá votar a súa cervexa favorita para o concurso á mellor etiqueta do festival ou participar en charlas, obradoiros, nun curso de elaboración de cervexa artesá gratuíto (previa inscrición no mail cursodecervexa@gmail.com) ou nunha cata (7 euros/persoa en fillos.da.malte@gmail.com)… A oferta de ocio manterase durante os catro días nos que se desenvolva o festival (o xoves dende as 18.00 horas e o resto dos días de 13.00 a 02.00 horas, agás o domingo que é de 12.30 a 22.00 horas).
A programación polo miúdo pode consultarse no facebook Val Miñor Fest. As marcas de cervexa artesá que estarán presentes son Faxilda, Bubela, Santo Cristo, A cova da serpe, Trisk-Ale, Vacaloura, Belecker, Nos, Áncora, Nasa, Palecat, Saramagal e Kel’s.