Anuncios
Ticker de novas

A baixada de carros de bolas de Camos recupera o seu percorrido orixinal na rúa San Roque

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

O Concello de Nigrán, a Asociación Eixo Tolo e o Centro Cultural A Camoesa recuperan este martes o percorrido orixinal da popular baixada de carros de bolas na parroquia de Camos, evento que non se celebra dende hai máis dunha década na rúa San Roque, onde naceu esta espectacular proba. Máis de medio cento de vehículos (entre carrilanas pneumáticas, de rodamentos e triciclos) participarán na competición, que será puntuable no Campionato Galego e que se desenvolverá durante toda a mañá (dende as 10.00 ata as 15.00 horas, quedando pechada a rúa a tráfico e peóns dende as 9.00 horas).

Así, nesta novena edición o percorrido deixa o barrio de Piñeiros e A Levada para regresar ao trazado orixinal (a saída é dende o Torreiro de Festas e a chegada antes do Pazo da Touza) por reunir mellores condicións de seguridade (adaptáronse os badéns existentes). Cunha lonxitude de 1km e un desnivel do 60%, promete imaxes espectaculares ao superar os vehículos os 70 km/h e contar con grandes curvas. Neste escenario realizaranse tres mangas (unha de adestramento e dúas puntuables) nas modalidades individual e colectiva de carrilanas de rodamento, pneumáticas e triciclos, formando parte algunhas delas do Campionato Galego e outras fóra de competición, só como exhibición (nestas premiarase a orixinalidade do deseño).

Esta proba de carrilanas en Camos foi recuperada por Gerardo Ferreira, veciño participante dende a súa orixe e impulsor, hai dous anos tras máis dunha década sen celebrarse.

Anuncios