Anuncios
Ticker de novas

Nigrán renovará 82 metros de tubaxe para evitar filtracións á Foz do Miñor

O Concello de Nigrán, a través da empresa concesionaria Aqualia, continuará dende mañá a renovación de 82 metros de tubaxe na contorna da Foz do Miñor tras detectarse o 26 de xullo unha filtración reparada de urxencia no mesmo día. Tras este incidente, os colectores foron inspeccionados mediante circuíto pechado de televisión, quedando patente o seu mal estado e a necesidade de substituílos para impedir calquera tipo de vertedura. Así, durante esta semana seguirá a reparación da rede de saneamento, composta polo colector (xa moi antigo ao estar executado con formigón) e os seus respectivos pozos de rexistro.

“Temos un compromiso claro de mellora e protección do medio ambiente, por iso dende o Concello e Aqualia levamos a cabo un control absoluto da rede de saneamento. O obxectivo é acabar con todas as verteduras coa maior urxencia. Na contaminación da Foz do Miñor están implicados os tres concellos da comarca e Nigrán está facendo todos os deberes para acabar para sempre coas filtracións, de feito, confiamos en incluír o esteiro no convenio Ramsar que o protexe internacionalmente”, sinala o alcalde, Juan González.

A empresa concesionaria xa emprendera en outubro, tamén na contorna da Alameda de San Campio, na Ramallosa, a reparación dos colectores sen necesidade de abrir gabias, instalando manguitos de fibra de vidro chamados packers (a un obturador de alta resistencia se lle enrosca a fibra de vidro con resina que, mediante a inxección de aire a alta presión, se infla e comprime contra as paredes do colector; unha vez seco se desinfla e extrae, quedando xa selado). Esta actuación integral demandada dende o Concello e por valor de 80.000 euros incluíu a impermeabilización do pozo de bombeo xeral situado na Alameda, xa que presentaba filtracións nas paredes laterais e no fondo. Nesta contorna hai un ano que o goberno de Nigrán realizou a conexión á rede de saneamento da residencia da terceira idade, que sorprendentemente vertía directamente ao río dende a súa creación.

2017-08-09 - IMG_5926

Anuncios