Anuncios
Ticker de novas

O BNG reclama a gratuidade da autoestrada do Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Luís Bará xunto concelleiros nacionalistas da comarca na peaxe de Vincios (Gondomar).

O deputado autonómico por Pontevedra, Luís Bará, visitou o Val Miñor para, acompañado por simpatizantes e concelleiros nacionalistas da comarca reclamar que a autoestrada AG-57 sexa rescatada e desaparezan as súas peaxes. Esta medida sería beneficiosa para os veciños e veciñas do Val Miñor, xa que podería ser utilizada como circunvalación ao propio Val. O feito de que tramos tan curtos como os que comunican Baiona con Nigrán e Gondomar e viceversa sexan de pago provocan que non se teñan en conta como vía alternativa que desconxestione as principais vías de entrada aos tres concellos, sobre todo na época estival, sendo moito máis frecuentes e longos os atascos no cruce da Ramallosa, principal punto de enlace entre Baiona, Gondomar e Nigrán.

Tamén as empresas da zona acadarían maior competitividade, xa que enlaza a AP-9 cos polígonos industriais de A Pasaxe (Vincios-Gondomar) e de Porto do Molle (Nigrán), así como co Parque Tecnolóxico Loxístico de Valadares (Vigo), sen esquecer que ademais comunica o Val Miñor e á propia AP-9 co Hospital Álvaro Cunqueiro (Valadares-Vigo).

Luís Bará comprometeuse a presentar unha iniciativa no Parlamento, acompañada con novas mocións nos concellos do Val Miñor, co fin de que a Xunta de Galicia se comprometa a realizar un estudo no que se contemple o rescate da AG-57 e esta estea libre de peaxes, como sucede con outras vías de comunicación entre a AP-9 e distintas comarcas da provincia.

Anuncios