Anuncios
Ticker de novas

Peitieiros prepara a súa V Semana Cultural e o XXIV Festival Folclórico Internacional

FOTO: CENTRO CULTURAL DE PEITIEIROS

O Centro Cultural de Peitieiros celebra do 13 ao 19 de agosto a V Semana Cultural e o XXIV Festival Folclórico Internacional, que terá lugar o vindeiro sábado 19 de agosto, ás 19:30 horas.

O domingo 13 de agosto, na sede do Centro Cultural en Peitieiros, inaugurarase a V Semana Cultural e o XXIV Festival Folclórico. Neste acto procederase á inauguración da exposición sobre o petróglifo do Lombo do Roxás, unha peza de arte rupestre descuberta polos veciños e veciñas de Peitieiros durante unha repoboación forestal con frondosas realizada no ano 2014. Este elemento patrimonial vénse sumar a outros que sinalan a antigüidade desta parroquia: o castro do Curuto ou os vestixios románicos da igrexa de San Miguel. O CCV de Peitieiros decidiu acollerse ao ano do patrimonio que está a celebrar a Deputación de Pontevedra e poñer o aceno da semana cultural na difusión e preservación do patrimonio de noso, material e inmaterial. Por iso as actividades xirarán ao redor do petróglifo descuberto pola veciñanza, ou as regueifas e o canto tradicional.

O programa da V Semana Cultural é o seguinte:

Domingo 13, ás 13:00 horas: inauguración da exposición sobre o petróglifo do Lombo do Roxás. A exposición poderá visitarse os días 17 e 18 de 20:30 a 22:00 horas e o día19, de 12:00 a 13:30 e de 17:00 a 22:00. Ademais o día 19 realizarase unha visita guiada ás 18:30.

Martes 15 – 20:30h. – Area de Lecer: charla sobre os petróglifos coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM). Ás 22:30 visita do petróglifo.

Xoves 17 ás 22:00 h.: Regueifas, con Bieito Lobariñas e Luís Caruncho.

Venres 18 ás 22:00 h.: Canto popular e de taberna co grupo do CCV de Peitieiros e os Vellos Ventos de Vigo.

O sábado 19 de agosto celebrarase o XXIV Festival Folclórico Internacional que este ano ten o seguinte programa:

12:30h Concerto do grupo de música funk e mestizaxe DuDecan en sesión vermú.

19:30h Ecos e Agarimos de Peitieiros, grupo anfitrión, Grupo de Pandereteiras de Monte Boi (Baiona), Filipa Biscaia, fados de Lisboa (Coimbra), e Volta e Dálle (Mondariz).

O XXIV Festival Folclórico conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Concello de Gondomar e da Comunidade de Montes de Peitieiros.

PROGRAMA SEMANA CULTURAL DE PEITIEIROS

Anuncios