Anuncios
Ticker de novas

Adrián Valverde concluíu a súa tempada de XCO e céntrase no ciclocrós

FOTO: LUZ IGLESIAS

Adrián Valverde xa pensa no próximo outono. O corredor do Club Ciclista Rías Baixas deu por finalizado o seu calendario de cros country olímpico (XCO) e empezou a preparar a tempada de ciclocrós. O baionés cambia de bicicleta despois de cumprir o seu soño de proclamarse campión galego de BTT.

Este ano Valverde non se prodigou demasiado nas probas autonómicas de XCO, pero cando se puxo un dorsal sempre pisou podio. O seu gran día viviuno o 1 de xullo en Cambre. Alí impúxose no Campionato de Galicia, unha carreira que se lle resistiu en anos anteriores.

Ademais, o biker de Baiona ocupou a segunda praza elite en Castro Barbudo, adxudicouse a vitoria da súa categoría no Carballiño e despediu o curso asinando outro segundo posto elite en Gondomar. A pesar de só participar en 3 das 13 probas puntuables do Open de Galicia – Anova XCO, conseguiu facerse un oco no Top-10 da xeral e clasificouse noveno.

A partir de outubro poñerase en marcha a tempada de ciclocrós. Gañador da Copa Galicia 2015, Valverde aspira un ano máis a brillar sobre o barro.

Anuncios