Anuncios
Ticker de novas

As Festas da Anunciada ofrecen un repaso aos éxitos dos anos 80

Continúan as grandes festas patronais de Baiona, na honra da Virxe da Anunciada, organizadas pola Concellería de Cultura.

O sábado a xornada comezará co pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona a partir das 11:30 horas. Ás 12:30 horas pasarrúas polo caso antigo e concerto na Praza do Concello (13:00 horas) a cargo da Banda de Música de Baiona.

Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na Igrexa de Santa María de Baiona, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”. A continuación terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada da Banda de Música de Baiona e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata.

A media noite, terá lugar a gran tirada de lumes de lucería, que dará paso ao concerto “A idade de ouro do pop español” ás 00:30 horas no Parque da Palma, no que Alberto Comesaña de Amistades Peligrosas, Pablo Perea de La Trampa, Joaquín Padilla de Iguana Tango e Chus Herranz de Musicais farán un repaso aos éxitos dos anos 80.

O pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados pola charanga Va K Pinta abre de novo ás 11:30 horas a xornada do domingo. Ás 12:00 horas pasarrúas da Escola de Danza Vila de Baiona, do grupo de pandereteiras “Monte Boi” e do grupo de gaitas “A Seneira” ata o parque da Palma, onde actuarán a partir das 13:00 horas. A continuación, ás 13:30, realizarase a homenaxe a un dos antigos membros da Danza das Espadas, que volverá actuar despois da entrega dunha placa conmemorativa ao homenaxeado.

Ás 17:00 horas celebraranse as tradicionais Cucañas Marítimas no porto pesqueiro, e ás 20:30 horas, os xardíns da Casa da Navegación acollerán o espectáculo de circo e acrobacias aéreas “Circo Alas”.

Ás 23:00 horas, comezará a Gran Gala Musical, coas actuacións estelares de Sebastián Yatra, Tina Cousins, Melody, Karina e Bordon 4.

O luns ás 11:00 da mañá, celebrarase a Misa de “San Telmo” polos mariñeiros falecidos na Igrexa de Santa María de Baiona, e pola noite, ás 23:00 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto de Rubén de Lis “Acústico Loop Tour”.

Anuncios