O alcalde de Nigrán recibe aos nenos saharauís que pasan o verán no Val Miñor e Baixo Miño

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // O alcalde, Juan González, xunto cos nenos e nenas saharauís.

O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu esta mañá á ducia de nenos saharauís que están pasando este verán no Val Miñor e Baixo Miño con familias de acollida. Os pequenos chegaron a primeiros de xullo e regresarán aos campamentos de refuxiados de Tindouf (Arxelia) en setembro. O Concello de Nigrán achega 2.000 euros ao Programa “Vacacións en Paz” de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Ademais, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade presidido polo propio rexedor, acábanse de aprobar 10.000 euros en axudas para provisión de alimentos nos campamentos.

Durante o encontro González entregoulles unhas mochilas co logo de “Nigrán” e diverso material escolar. Ademais falou cos cativos, que están a desfrutar moito en Galicia, e agradeceu publicamente o labor das familias que os acollen, recordando que o conflito saharauí é un conflito político ao que a comunidade internacional debe buscar unha solución que a propia ONU establece nun referendo de autodeterminación. «Oxalá algún día deixen de ter que vir porque signifique que xa están na súa casa, nun sáhara libre», sinalou.