Anuncios
Ticker de novas

Baiona amplía as visitas guiadas e gratuítas “Xoves no Camiño” ata Santa Cristina da Ramallosa

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Igrexa de Santa Cristina da Ramallosa.

A iniciativa “Xoves no Camiño”, programa para dar a coñecer o paso do Camiño Portugués pola Costa por Baiona, ampliouse ata a igrexa de Santa Cristina da Ramallosa tras a boa acollida por parte dos participantes.

A Concellería de Turismo organiza este ano un programa completo de rutas por Baiona co obxectivo de poñer en valor o patrimonio cultural e artístico. Por unha banda, celébranse as visitas habituais polo centro histórico a partir do 15 de xullo e ata o 30 de agosto. Serán os mércores e sábados, ás 11:00 horas, dende a Oficina de Turismo. Son gratuítas e non é necesaria a inscrición previa.

Doutra banda e como novidade, todos os xoves ás 10:00 horas (ata o 31 de agosto) o Concello organiza a ruta “Xoves no Camiño”, con saída dende a Oficina de Turismo. O percorrido é en dirección á Praza de Santa Liberata e continúa o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, rúa Conde e O Burgo ata a praza Victoria Cadaval de Sabarís e a igrexa de Santa Cristina.

O percorrido é lineal e a guía que acompañará ao grupo realizará o regreso a Baiona camiñando polo Paseo Marítimo. Os participantes terán a posibilidade de acompañala ou regresar por libre. A duración aproximada da ruta é de 1 hora e 45 minutos cunha distancia aproximada de 3,5 quilómetros.

A dificultade é baixa e as prazas limitadas, polo que para esta visita si será necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67). Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, así como auga e protección solar.

Esta iniciativa xorde para fomentar, incentivar e dar a coñecer o Camiño Portugués pola Costa, novena ruta de peregrinación declarada oficial o pasado mes de agosto, ao seu paso por Baiona.

Anuncios