Noite de maxia para toda a familia en Baiona

Dani García presenta este martes 1 de agosto ás 23:00 horas na Praza do Concello de Baiona o seu espectáculo “Volta á maxia”, dentro do ciclo “Bai en Familia” incluído no programa cultural e de lecer Baiverán 2017 organizado pola Concellaría de Cultura.

O primeiro show de maxia onde o público é quen decide o guión do espectáculo. Nada está escrito nesta montaxe que se camufla baixo a parodia dun concurso televisivo onde lle dará unha volta á maxia, unha volta á ruleta. Así, o azar porá en xogo a sorte do mago. Non haberá preguntas por resolver. Nin segundos que gañar. Os espectadores teñen o control do que sucede sobre o escenario. O mago acompáñaos nestes xiros que van conducindo á maxia ata un sorpresivo efecto final, unha última sorpresa que, a medio camiño entre a realidade e a ilusión, non deixará indiferente a ninguén. Esta é unha obra de maxia infantil, só apta para nenos e nenas, aínda que xa peiteen canas.