Anuncios
Ticker de novas

Os Bolechas achéganlle á cativada a obra de Carlos Casares

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Presentación do novo título da colección ‘As miñas primeiras Letras Galegas’.

A familia animada máis famosa de Galicia, Os Bolechas, achégalle á cativada a obra de Carlos Casares cun novo título da colección Os Bolechas. As miñas primeiras Letras Galegas dedicado ao autor ourensán, que sae do prelo da man de Bolanda Edicións co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O volume presentouse hoxe ao mediodía no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, nun acto no que participou o titular deste departamento, Valentín García, quen quixo destacar a importancia de que “uns personaxes tan famosos e apreciados polos nenos e nenas como Os Bolechas sexan quen leven da man os cativos galegos para achegalos aos nosos autores máis relevantes, aqueles que recibiron a distinción da Real Academia Galega (RAG) e a homenaxe de todos nós con motivo do 17 de maio”. O secretario xeral afirmou que, deste xeito, “será doado que trasladen a estes escritores, e á literatura galega en xeral, a simpatía e o aprezo que senten por Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa”.

A canda el, participaron na presentación desta nova obra do coñecido escritor e debuxante Pepe Carreiro o presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar; o editor de Bolanda Antonio Couto; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; e Lara Bacelos, en representación da Fundación Carlos Casares.

‘Primeiras Letras Galegas’

As miñas primeiras Letras Galegas é unha colección protagonizada polos Bolechas e destinada a que os pequenos e pequenas galegos coñezan os persoeiros aos se lles dedicou o 17 de maio. Para iso Pepe Carreiro elixe unha obra de cada autor e convértea nun conto en que o lector, ao tempo que goza dunha aventura típica dos Bolechas, vai descubrindo quen é o escritor a quen se lle rende homenaxe.

Desta volta, Sonia disfrázase de Carlos Casares e, da súa man, coñecemos o libro Vento Ferido e un dos seus contos máis famosos, A rapaza do circo. Podemos ler, ademais, a biografía de Carlos Casares, preséntanse outras obras relevantes do autor e ata hai un pequeno vocabulario que permite entender as citas literais do escritor ourensán.

A colección As miñas primeiras Letras Galegas ten publicadas tamén obras sobre os escritores do Rexurdimento Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez; así como sobre Ánxel Fole.

Os Bolechas, referente infantil

Os Bolechas, creados e ilustrados por Pepe Carreiro, son unha auténtica revelación editorial en Galicia. Desde a saída do prelo do primeiro libro no ano 2000, lévanse publicado case 600 títulos enmarcados en diversas coleccións e cóntanse case dous millóns de exemplares distribuídos. Convertidos xa nun fenómeno cultural, esta popular familia de seis irmáns (Carlos, as xemelgas Pili e Loli, Braulio ,Sonia e Tatá) e o seu can deu o salto a múltiples formatos, como Internet, televisión ou CD musical acadando un éxito ata entón descoñecido polos personaxes da literatura infantil galega.

A relevancia dos Bolechas para moitos rapaces e rapazas galegos que medran gozando das súas aventuras fai que sexan vehículo de diversas campañas institucionais dirixidas á infancia e, nomeadamente, de actividades de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Anuncios