Nigrán rehabilita oito fontes municipais cunha subvención de 10.960 € da Deputación

O Concello de Nigrán está rematando de restaurar oito fontes municipais a través dunha subvención de 10.960,78 euros concedida pola Deputación de Pontevedra para a rehabilitación do patrimonio histórico cultural. Concretamente, trátase da fonte da Cruz e Pereiro en Camos, a da Estación en Panxón, a do Castro e Igrexa en Parada, a da Coba en Priegue e, finalmente, as de Cabreira e Pías na Ramallosa. Oito elementos en total seleccionados non só co obxectivo de chegar ao maior número de parroquias, senón tamén de actuar nos máis deteriorados ou cun valor patrimonial máis alto.

«A posta en valor destes elementos e o coidado e mantemento da zona na que se atopan é primordial para o goberno. As fontes forman parte do noso patrimonio etnográfico e como tal debemos conservalo, seguiremos con esta política en todas as parroquias», sinala o alcalde, Juan González.

Así, en cada unha delas realizaranse obras de restauración e conservación empregando os materiais axeitados para respectar tanto o ben en si como a súa contorna. As actuacións son similares entre si, en xeral correspóndelles a mellora do acceso á mesma e a rehabilitación mediante técnicas que permitan devolvelas ao estado orixinario. Concretamente, na fonte da Cruz (Camos) realizarase chorreado, encintado, apertura de boca de desaugadoiro e de roza para a recollida de augas; no Pereiro (Camos), chorreado, encintado e realización de acceso; na Estación (Panxón), chorreado e encintado; na do Castro (Parada), arranxo de soleira, chorreado, encintado e apertura de desaugadoiro; na Igrexa (Parada), facer fronte e piso de pedra, chorreado e encintado de desaugadoiro; na Coba (Priegue) facer fronte, acceso e beirarrúa de pedra, chorreado e encintado; na Cabreira (A Ramallosa) chorreado, encintado e facer desaugadoiro e en Pías (A Ramallosa) chorreado, encintado, facer pasos, limpar a contorna, desatascar desaugadoiros, limpar, encintar o lavadoiro e muro de pedra para aguantar a terra.

«As fontes seguen sendo un punto de encontro da veciñanza, un lugar onde dende tempos inmemoriais se recolle o auga para o consumo propio. Trátase de conservalas no mellor estado e de poñelas en valor», finaliza o alcalde, Juan González.

Por outra banda, e ao marxe desta subvención, o Concello vén de reparar a fonte de Rías, en Camos, canalizando novamente a auga, que chegaba en pouca cantidade ao desaugadoiro. Trátase dunha fonte moi empregada polos veciños da Rotea para o consumo propio e xa funciona a pleno rendemento.

Anuncios