A Garda Civil incáutase dunha partida de 600 litros de licor de bagazo clandestino

FOTO: GARDA CIVIL

A Garda Civil, en colaboración coa Axencia Tributaria, incautouse dunha partida de 600 litros de licor de bagazo que se estaba comercializando de forma fraudulenta a través dunha distribuidora da comarca do Morrazo, sen ningún tipo de etiqueta nin marcas fiscais.

A actuación, levada a cabo pola Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil con sede en Marín no marco das súas competencias específicas, foi como consecuencia dunha inspección rutineira que realizaron nunha empresa distribuidora de bebidas alcohólicas da comarca do Morrazo (Pontevedra), coa finalidade de comprobar o cumprimento da normativa sanitaria e fiscal da mercadoría que estaba disposta para a venda.

No transcurso da inspección, nun almacén anexo á nave principal, a Garda Civil localizou un palé que contiña 50 caixas, con 600 litros de licor de bagazo, distribuídos en 200 garrafas de 3 litros cada unha, sen ningún tipo de marca fiscal nin etiquetaxe que puidese determinar a súa trazabilidade, segundo dispón a lexislación vixente.

En consecuencia, os efectivos da Patrulla Fiscal e de Fronteiras procederon á incautación da mercadoría, que quedou precintada e depositada preventivamente na mesma empresa.

Ao mesmo tempo, o responsable da distribuidora foi denunciado por dúas infraccións administrativas: unha delas, á Lei 38/1992 de Impostos Especiais, da que é competente a Dependencia de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, por carecer de precíntalas fiscais e a outra á Lei 2/2012 de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, que terá que resolver a Delegación Provincial de Sanidade da Xunta de Galicia. Neste caso a denuncia ten a súa orixe no risco que a venda do alcol podería supoñer para a saúde pública, dado que ao carecer de etiquetas comerciais pérdese a trazabilidade do produto e non se pode coñecer a empresa responsable da súa elaboración e distribución.