A Garda Civil detivo ao autor dun roubo nun vehículo en Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Garda Civil detivo a un mozo, veciño de Nigrán, como presunto autor dun roubo cometido no interior dun vehículo cando estaba estacionado nunha céntrica rúa da localidade, do que se levou varias tarxetas bancarias.

Por mor das investigacións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, enseguida púidose pescudar a identidade da persoa que supostamente entraría no vehículo despois de romper o cristal dun dos portelos.

Aínda así, non se procedeu á detención desta persoa ata que non se puido constatar que ese mesmo día tentara realizar, sen éxito, varios reintegros no caixeiro automático dunha das oficinas bancarias de Nigrán, utilizando para iso as tarxetas que foran subtraídas do interior do vehículo, segundo a denuncia formulada polo seu propietario.

As gravacións das cámaras de vídeo-vixilancia da entidade bancaria non ofrecen lugar a dúbidas e esta persoa, cuxo nome responde as iniciais de A.P.A., de 22 anos, foi detido pola comisión de senllos delitos de roubo con forza nas cousas e tentativa de estafa.

O arrestado, que conta cun amplo historial de detencións por delitos contra o patrimonio, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.