Virazón, Bouvento e Balea Dous gañan a primeira etapa do Trofeo Conde de Gondomar

FOTO: ROSANA CALVO // A saída dos grandes barcos rumbo ao Carrumeiro Chico.

Empezou con bo vento e unha gran expectación sobre a auga a cuadraxésimo segunda edición do Trofeo Conde de Gondomar, que se celebra ata o vindeiro martes nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Yates e co patrocinio de Banco Sabadell.

A competición iniciouse puntual ás once da mañá coa saída, rumbo ao Carrumeiro Chico, dos barcos das clases Storax ORC 0-1 e PSA Retail 2-3, que tras tomar o desmarque, emprenderon un percorrido de case cen millas de distancia que non finalizará ata a mañá do domingo, coa chegada dos últimos veleiros.

Apenas un cuarto de hora despois da partida dos grandes barcos, e tras reaxustar o campo de regatas por mor dun role de vento, resoaba na baía de Baiona o bocinazo para a frota das clases J80 Rías Baixas e Fígaro Martin Miller, que competían en tempo real. Tamén para a clase Coca Cola ORC 4, para a que o comité de regata estableceu o mesmo percorrido, un trazado de algo máis de 29 millas de ida e volta ata o faro de Camouco, nas proximidades de illa de Ons.

A frota saíu da baía de Baiona por Carallones bastante áxil, impulsada por un vento do noroeste de entre 7 e 8 nós, pero xusto despois de tomar esa primeira baliza, unha encalmada estancou aos barcos durante case tres cuartos de hora. Finalmente entrou unha brisa polas Cíes e as tripulacións retomaron o ritmo de navegación.

Na clase J80 Rías Baixas, o Virazón do Monte Real Club de Yates, liderado por Willy Caamaño, foi o primeiro en aproveitarse dese vento e puido sacar vantaxe ao resto de veleiros. Gañou sen dificultade ao Okofen de Javier de la Gándara, o seu maior rival e o que partía, a priori, de favorito. O terceiro en cruzar a liña de chegada foi o Namasté de Luis de Mira.

Na clase Fígaro Martin Miller, o protagonista da xornada foi Ricardo Acevedo, que, a bordo do Bouvento, soubo liderar a un grupo de alumnos da Escola de Vela Cruceiro do Monte Real ata a primeira posición da clasificación. Fíxoo, ademais, dunha forma contundente, sacando unha gran vantaxe ao resto de Fígaros e finalizando a proba moi preto dos J80. En segunda e terceira posición da clasificación provisional sitúanse o Silleiro de Santiago Meygide e o Serralleiras de Ramón Palao.

Na clase Coca Cola ORC 4, as seis horas e vinte minutos que empregou o Balea Dous en completar a proba colócano, a día de hoxe, como favorito para subirse ao máis alto do podio do Trofeo Conde de Gondomar. Ao barco do Real Club Náutico de Rodeira, patroneado por Luis María Pérez, séguenlle na clasificación dúas embarcacións do Monte Real, o Abal Avogados-Lagar de Pintos- Fanautic, de Mariano Dios; e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

A primeira xornada do 42º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell finalizou en terra cunha degustación de gintonics de Martin Miller e Royal Bliss. A competición continuará o vindeiro luns cunha proba de circunnavegación ao redor dos arquipélagos de Cíes e Ons.