O Club Ciclista Rías Baixas mantén por un segundo o liderado de Willem Jakobus na Volta a León

Ata o último metro da Volta a León non se saberá quen é o gañador final. Willem Jakobus salvou a camisola de líder na etapa reina por tan só un segundo. O surafricano do Club Ciclista Rías Baixas ocupou a cuarta praza na cima de Ancares, onde gañou Óscar Cabedo (Escribano). Juan Antonio López Cozar (Fundación Euskadi) rabuñou 5″ respecto ao xefe de filas da entidade presidida por José Luis Chamorro e queda a 1″ na xeral, mentres que o terceiro clasificado Roberto Méndez (Diputación de León) está a 3″.

Os montañosos 128,5 quilómetros da cuarta xornada da rolda leonesa entre Vega de Espinareda e o porto de categoría especial de Ancares caracterizáronse pola igualdade entre os catro homes máis fortes da carreira. Os grandes protagonistas ata a ascensión final foron Sergio Rodríguez (Fundación Euskadi) e Juanma Durán (Kuota). Escapáronse tras o primeiro alto da etapa, Lillo de 2ª categoría, e dispuxeron de máis de 5 minutos de vantaxe sobre o pelotón controlado polos corredores do Club Ciclista Rías Baixas.

Rodríguez marchouse en solitario na subida a Ocero, de 3ª, e foi atrapado en Lumeras, de 2ª, o penúltimo porto do día. A pé de Ancares o grupo principal presentouse composto por 30 ciclistas. Nesta subida de 8 quilómetros, cos últimos 5 a un desnivel medio do 12% e con tramos que alcanzan o 17%, Willem vixiou de preto aos seus principais rivais ata que nas últimas ramplas Cabedo abriu un oco que lle outorgou a vitoria. A 5″ concluíu Cozar, a 7″ Méndez e a 10″ o surafricano do conxunto miñorano, que tamén continúa líder da Regularidade e da Combinada.

Con diferenzas mínimas entre os catro primeiros da xeral disputarase este sábado a última etapa. Serán 118 quilómetros entre San Emiliano e Villablino con dobre paso polo Alto de Rabanal, un muro dun quilómetro que se subirá por segunda vez cando falten 5 km para a meta. No percorrido tamén destaca o Alto dos Bayos. de 2ª categoría.

Anuncios