Celebración do Día da Patria no Val Miñor

Un ano máis os nacionalistas do Val Miñor celebrarán o “Día da Patria” en irmandade, unidos polas ideas e sen siglas que os dividan. “Galiza debe estar por encima desas leas absurdas, case familiares, e traballarmos polo que de verdade lle interesa á cidadanía e ao País. No Val Miñor levamos anos dando exemplo nesta liña de respecto, e aprendendo a convivir co pluralismo evidente da sociedade actual, así como a valoralo positivamente coma unha vantaxe no canto dunha eiva”, sinalan desde a comisión organizadora.

Este ano a celebración terá lugar o vindeiro sábado día 22 de xullo, ás 20:30 horas, (á tardiña) no “Pazo da Escola” de Mañufe. Obviamente é un acto aberto a toda a veciñanza do Val Miñor que queira pasar una xornada de confraternización galeguista. Ao final os asistentes tomarán un viño e un pincho, e dirixiralles unhas palabras o veciño do Val Miñor Antón Seoane, músico do País recoñecido internacionalmente e fundador de Milladoiro.