Xunta e Garda Civil colaboran un ano máis na prevención e investigación de incendios forestais

FOTO: XUNTA DE GALICIA

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, asistiron esta mañá á presentación da unidade de cabalería da Garda Civil despregada en Ourense.

O acto, que tivo lugar na estación de tren da Gudiña, contou tamén coa participación do xeneral xefe da 15 zona da Garda Civil, Ángel Alonso; o tenente coronel da Garda Civil en Ourense, Manuel Novo; e o subdelegado do Goberno na provincia, Roberto Castro.

O escuadrón presentado hoxe está formado por seis axentes e ten a súa sede en Verín. A este, súmanse outros tres escuadróns con sede en Mondariz (Pontevedra), Sarria (Lugo) e Santiago de Compostela. En total, son 24 efectivos de cabalería da Garda Civil despregados en Galicia, e integrados nun dispositivo máis amplo formado polos máis de 2.100 axentes deste corpo que se ocuparán este verán de loitar contra os lumes na nosa Comunidade.

Os seus labores centraranse, fundamentalmente, na prevención e investigación dos lumes, en coordinación co resto de forzas e corpos de seguridade que actúan nese ámbito, como a Policía Nacional -que ten tamén unha unidade de cabalería despregada no territorio galego- ou a Policía Autonómica.

Todos estes dispositivos intégranse dentro do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que no seu conxunto supera os 7.000 efectivos nesta tempada de verán. Dentro deste plan colabora persoal da Xunta, do Estado e dos concellos, nun exemplo de cooperación institucional que permite obter os mellores resultados, lograr sinerxías e minimizar os danos.

A colaboración en materia de seguridade tamén se traslada ao Camiño de Santiago, onde os axentes traballan en cooperación para garantir a seguridade dos peregrinos. No caso en concreto da unidade de cabalería da Garda Civil presentada hoxe, dous dos seus escuadróns -os que teñen base en Sarria e Santiago de Compostela- encargaranse ademais de labores de vixilancia e protección daquelas persoas que están a realizar o Camiño.

XUNTA E GARDA CIVIL COLABORAN UN ANO MÁIS NA PREVENCIÓN E INVESTIGACIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS
FOTO: XUNTA DE GALICIA