Anuncios
Ticker de novas

A festa que arrasa en todo o mundo chega a Praia América

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 15 de xullo por vez primeira na comarca unha proposta de ocio destinada ao público máis xuvenil e animado: a “Nigrán Paint Party” ou Festival da Pintura, un concepto novo de diversión nacido en Ibiza que combinará durante todo o día a música electrónica en directo con choiva de pintura, espectáculo pirotécnico, efectos visuais, animación, megatrón… O evento, con sesión infantil de 12.00 a 15.00 horas e para maiores de 16 anos de 15.00 a 23.00 horas, está previsto para preto de 3.000 persoas e terá lugar en 1.500 m2 da zona de aparcamento de Praia América-Lourido.

“A mocidade de Nigrán debe ter protagonismo na programación do Concello con actividades pensadas especificamente para eles, por iso nos decantamos por este evento que atrae a milleiros de persoas en todo o mundo. É un lecer saudable e divertido que quixemos abrir tamén aos cativos en diferente franxa horaria e, sen dúbida, resulta a proposta ideal de cara o verán en Praia América”, destaca o alcalde, Juan González.

A “Midnight Nigrán Paint Party” é unha experiencia completa onde o público, ademais de empaparse de máis de 2.000 litros de pintura totalmente ecolóxica, baila con DJ’s nacionais e internacionais de primeiro nivel, goza de actuacións en directo, animación, espectáculo pirotécnico… A pintura, a gran protagonista, dispénsase desde oito canóns xunto ao macroescenario, dúas bombas con mangueira e caldeiros.

“A marca ‘Midnight’ é un referente mundial neste tipo de eventos realizándoos por todo o país e acadando o recoñecemento por todo o planeta con residencias como Privilege Ibiza (a discoteca máis grande do mundo) ou Pacha La Pineda, a marca actual máis importante de ocio nocturno”, engade André Vázquez dende a organización.

O evento está destinado a un público familiar de 12.00 a 15.00 horas (nesta franxa horaria poden desfrutar os menores de 16 anos) e para os maiores de 16 anos de 15.00 a 23.00 horas, debendo presentar os menores de idade unha autorización dos pais ou titores que se pode descargar do Facebook do festival. As entradas están á venda dende 5 e 10 euros respectivamente en https://www.entradasatualcance.com/midnight-paint-party-en-nigran/.

Actuará Nexuz, Groove Amigos, Albert González, Steven Rod, Traffic House, The Prieto Brothers, Gus G e o recoñecido DJ baionés Yaggo.

Anuncios