O preparador físico de Pau Gasol ensina aos nenos do campus do CB Nigrán

Pepe Casal asistiu ao campus de baloncesto que o CB Nigrán desenvolve no Pavillón Municipal de Panxón para impartir unha sesión de coordinación e velocidade aos nenos e nenas que participan no mesmo.

Os xogadores puideron aprender diferentes conceptos dunha das persoas máis relevantes do baloncesto español que traballou con figuras tan importantes como Pau Gasol ou Juan Carlos Navarro compartindo ademais banco con Aitor García Reneses.

Os máis pequenos participaron con entusiasmo en cada un dos exercicios propostos polo técnico que corrixía a cada un deles co obxectivo de poder mellorar a súa técnica. Os exercicios consistiron en realizar adecuadamente a técnica de respiración, traballou a mecánica e técnica de carreira ademais dos apoios dos pés. Para realizar estes exercicios Pepe achegou o material adecuado a cada un deles.

Ao finalizar a sesión desde o club baloncesto Nigrán entregouse a Pepe Casal un pequeno detalle agradecéndolle a súa participación no campus. Ao acto asistiu tamén o concelleiro de Deportes, Luís Sanromán.