O Club Ciclista Rías Baixas pon no seu punto de mira a Volta a Zamora

No seu mellor momento da tempada o Club Ciclista Rías Baixas inicia unha das roldas por etapas máis importantes do calendario español Elite e Sub23. Desde este mércores e ata o sábado, a Volta a Zamora presenta un dos percorridos máis selectivos das súas 34 edicións, con moito peso para a montaña e as contrarreloxos. Para aspirar ao máximo, a estrutura que preside José Luis Chamorro acode liderada polos seus dous corredores máis fortes e cunha incorporación de última hora.

Julián Barrientos disputará a carreira zamorana co conxunto do Val Miñor en calidade de cedido. O ciclista arxentino iniciou esta tempada no equipo profesional Bolivia e nas últimas semanas recualificouse. Conta no seu palmarés con triunfos no campo amateur como o obtido o ano pasado na clásica vasca de Urduliz.

Este reforzo apontoa o bloque do Club Ciclista Rías Baixas que lideran Jesús Nanclares e Willem Jakobus. O berciano está a asinar unha sobresaliente campaña na que se proclamou campión elite de Castela e León. O pasado domingo adxudicouse a montaña no Trofeo Luís Sánchez Huergo, o que confirmou o seu bo estado de forma para esta rolda e á Volta a León da próxima semana.

Pola súa banda o surafricano Willem Jakobus é a revelación da categoría. Desde que aterrou hai pouco máis dun mes na formación do Val Miñor non se baixou do podio e entre os seus éxitos destaca o triunfo na xeral da Volta a Segovia. A aliñación do equipo dirixido por Marcos Serrano complétana os sub23 galegos Raúl González, Lois Rodríguez e Diego González.

A primeira xornada da Volta a Zamora consta dun dobre sector. Pola mañá, desde as 10:45 horas, celebrarase unha contrarreloxo por equipos de 13 quilómetros con saída en Villalobos e chegada en Villalpando. Este aperitivo terá continuidade pola tarde coa etapa en liña de 97 km entre Tábara e Mombuey. Ao día seguinte serán 125 km con inicio en Tola e chegada en Domez. O venres será o momento da etapa reina, de 126, 7 km, Mombuey – Alto de Moruxal. A carreira concluirá o sábado cunha crono individual de 6,7 km desde Villaralbo á capital da provincia.

Anuncios