Anuncios
Ticker de novas

Alberto Meira e José Murado vencen nun emocionante Rali Sur do Condado

A calor foi protagonista dun rali disputado de poder a poder entre o vixente Campión Galego, Alberto Meira, e o coruñes Iago Caamaño, que foi o seu maior rival durante toda a xornada.

Tras completar dez tramos cronometrados e algo máis de 100 quilómetros de loita contrarreloxo, Alberto Meira e o seu copiloto José Murado subíanse todo o máis alto dun podio situado fronte ao Concello de Salvaterra do Miño, nunha cerimonia que poñía punto final á quinta proba puntuable para o Campionato Galego de Ralis. Reflectindo a bonita loita pola vitoria ao longo da proba, a clasificación final presentaba unha diferenza de pouco máis de quince segundos entre o Mitsubishi do primeiro clasificado e o Ford Festa R5 do coruñés Iago Caamaño, demostrando que será unha vez máis un durísimo rival este ano. Completaba o podio David González (Skoda Fabia S2000).

Meira comentaba ao termo da proba que “Tratamos, durante todo o rali, de manter un ritmo alto pero evitando asumir riscos que poidan levar a cometer erros. Hai unhas semanas, en Narón, quixemos aproveitar demasiado a estrada e trazando pola cuneta acabamos provocando unha picada, que nos custou perder moito tempo e ter logo que remontar ata o terceiro posto. Aquí a carreira foi diferente, e atacamos en momentos esporádicos e puntuais, por exemplo no tramo de Ponteareas, que como sempre volveu a ser talismán”.

Este rali era ademais especial para o equipo de Alberto Meira, xa que a vitoria é un excelente colofón para que José Murado, o copiloto de Forcarei, celebre a súa participación número 100 en ralis.

O Campionato Galego de Ralis afronta agora un parón estival antes da próxima proba, o “Ribeira Sacra”, que terá lugar en Ourense o terceiro fin de semana de setembro.

Alberto Meira - Rali Sur do Condado - 170708

Anuncios