Anuncios
Ticker de novas

Comeza o VII Ciclo de Conferencias de Baiona coa historia do viño en Galicia

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona reunirá este verán a nove catedráticos e profesores de catro universidades españolas na sétima edición do Ciclo de Conferencias Culturais que cada ano acolle a Capitanía Marítima (Rúa Elduayen, 20). Todas as charlas se celebrarán todos os xoves de xullo e agosto no mesmo escenario e á mesma hora (20:30 horas) con entrada libre e gratuíta. O escritor, enólogo e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Xavier Castro Pérez, abrirá mañá o ciclo coa conferencia titulada “Historia del vino en Galicia”.

A figura do Conde de Gondomar, o Marqués de Salamanca, a reforma da Constitución, os manuscritos do Mar Muerto ou o bilingüismo de Álvaro Cunqueiro serán algún dos temas que abordará este ano o VII Ciclo de Conferencias do Concello de Baiona, enmarcado dentro da programación cultural do BaiVerán 2017.

Ademais do xa citado Xavier Castro, ao longo do mes de xullo pasarán pola Capitanía Marítima, o profesor Aniceto Charro, catedrático emérito de la Universidad Complutense de Madrid, que falará o 13 de xullo de “Una triada peligrosa: obesidad, diabetes y colesterol”; a profesora Rexina Vega, da Universidade de Vigo, para tratar o “Bilingüismo de Álvaro Cunqueiro” o 20 de xullo; e o profesor Carlos Pajares, catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago, ex reitor e ex delegado en España do CERN de Ginebra, que ofrecerá o día 27 a conferencia titulada “Los tres primeros minutos del Universo”.

Xa no mes de agosto, o xoves día 3 o profesor Antonio Piñero, catedrático emérito de Filología Griega da Complutense, ofrecerá a charla “Manuscritos del Mar Muerto, Gnosis y cristianismo primitivo”; o 10 de agosto será a quenda de José María Peláez del Valle, escritor e profesor titular da Universidade de Vigo, para impartir a charla “Un personaje de novela del siglo XIX: el Marqués de Salamanca”; o xoves 17 abordarase o tema “La reforma de la Constitución” da man do profesor Francisco Bastida, catedrático de Derecho Constitucional na Universidad de Oviedo; o día 24 estará na Capitanía o musicólogo Manuel López-Benito para falar de “¿Por que la sinfonía Heroica de Beethoven cambió el mundo sinfónico? Audición y análisis”, e o día 31 pecharase o ciclo coa conferencia de Fernando Bartolomé Benito, catedrático de Literatura Española, con “El año del Conde Diego Sarmiento, Conde de Gondomar en su IV Centenario (1617-2017)”.

Anuncios