A Garda Civil impartiu 477 conferencias en centros de ensino da provincia de Pontevedra

A Garda Civil de Pontevedra impartiu 477 conferencias durante o curso escolar que acaba de finalizar, ás que asistiron 25.035 alumnos, 712 profesores e 1.226 pais de alumnos de distintos centros educativos da provincia. O número de asistentes elévase a 26.973 nos tres trimestres do curso.

Estas conferencias enmárcanse dentro do “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas” e teñen como obxectivo achegar os servizos públicos de seguridade á comunidade escolar para mellorar a confianza dos nenos e mozos nas Forzas e Corpos da Seguridade do Estado e poñer a disposición da comunidade educativa a asistencia técnica necesaria para que poida previr e abordar calquera tipo de incidente que poida ameazar a convivencia nesta contorna.

Novas tecnoloxías e acoso escolar

Entre as charlas máis demandadas pola comunidade educativa atópanse as relativas ao uso das novas tecnoloxías e, en especial, o uso das redes sociais. Neste último aspecto, a Garda Civil transmite ao alumnado a necesidade de facer un uso responsable destas redes para evitar problemas, como o acoso escolar que se produce a través delas ou a difusión de imaxes privadas sen autorización. Do mesmo xeito que ocorreu no resto da comunidade autónoma, as novas tecnoloxías, con 173 charlas, e o acoso escolar, con 135, foron as materias máis solicitadas.

Violencia de xénero. Consumo de drogas e alcol

Con estes obradoiros trátase de formar aos alumnos no respecto aos dereitos e liberdades fundamentais e nos valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres, así como conciencialos sobre os riscos asociados ao consumo de drogas e a necesidade de erradicar condutas violentas no ámbito escolar, buscando o desenvolvemento de condutas pro-activas ao rexeitamento e denuncia destes comportamentos e informarlles dos recursos que dispón a sociedade para axudarlles. Impartíronse 57 charlas de violencia de xénero e 47 sobre drogas e alcol.

Balance do curso escolar

Durante o pasado curso escolar impartíronse na provincia de Pontevedra charlas informativas na práctica totalidade dos centros de ensino situados nos municipios pertencentes á demarcación territorial da Garda Civil.

A demanda dos centros de ensino foi notablemente superior á do curso anterior (2015-16) cun incremento exponencial no número de charlas que supera o 50 % con relación ao pasado curso.

Ademais das charlas ou obradoiros informativos, este curso académico realizáronse un total de 40 actividades complementarias nos colexios que o solicitaron: 3 exhibicións, 3 xornadas de portas abertas, 31 visitas a centros e 3 exposicións.

Dentro do marco do Plan Director e ao longo deste curso realizáronse preto de 27.000 vixilancias puntuais nos centros educativos da provincia, adscritos á demarcación territorial da Garda Civil, para garantir a seguridade da contorna dos colexios e previr a venda e distribución de sustancias estupefacientes.

Finalizan o curso académico uníndonos á campaña solidaria “Ningún Neno Sen Bigote” protagonizando unha recollida de 2.000 litros de leite que se entregaron no Banco de Alimentos de Pontevedra, co fin de que todos os menores e familias sen recursos puidesen dispoñer deste alimento de primeira necesidade.