Nace un novo club ciclista en Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Presentación Monte Boi Bic Club.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Deportes, María Jesús Martíns, asistiron este venres á presentación en sociedade dun novo club ciclista na Vila. O Monte Boi Bic Club está formado por deportistas afeccionados co obxectivo de organizar eventos e marchas pola comarca.

Baixo o monte que lle da nome presentouse este venres o Monte Boi Bic Club, un novo colectivo de ciclistas que decidiu sumar esforzos arredor da súa paixón polo deporte. Comandado por Manuel Figueirido Giráldez, primeiro presidente da entidade, o club está formado por 18 afeccionados de Baiona, Nigrán e Oia, pero están abertos a novas incorporacións.

“Hai un ano empezamos a saír xuntos polas estradas da comarca e decidimos montar o club para organizar eventos”, explica o presidente. Cunha cota anual de 15 euros por persoa, o Monte Boi Bic Club xa traballa na 1ª Marcha Monte Boi que vaise celebrar o vindeiro outono.