Axentes lusos patrullarán un verán máis por Baiona xunto gardas civís

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, recibiu esta mañá aos dous membros da Garda Nacional Republicana (GNR) que patrullarán este verán os municipios de Baiona e Sanxenxo.

Na primeira localidade estará destinado o cabo xefe Antonio Luís Lima Ribeiro, e en Sanxenxo o garda principal Hugo Alexandre Carvalho de Sousa. Ambos estiveron acompañados polo tenente coronel da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Manuel Touceda, o comandante xefe de Persoal e Apoio, Óscar Graña, o tenente do posto de Baiona, Félix Díaz Juan, o alférez do posto de Sanxenxo, Vicente Veiras Suárez, e o tenente da Comisaría de Coordinación Policial e Aduaneira, Víctor Ahedo Rodríguez.

As patrullas mixtas de Garda Civil e GNR funcionaron con bos resultados o pasado verán, e este ano repítese o operativo dentro do Plan Turismo Seguro.

O Plan de Turismo Seguro, que se integra anualmente no ámbito da “Operación Verán” para reforzar as medidas de seguridade nas zonas de maior afluencia turística, ten por finalidade facilitar unha atención policial de maior calidade á poboación estranxeira que se atope de turismo en España, efectuándoa cunha maior rapidez e eficiencia ante calquera tipo de información que demande ou necesidade que puidese xurdirlle mentres permaneza no noso país.