Willem Jakobus sitúase líder da Volta a Segovia

FOTO: DIFUSION PRO SPORT

Willem Jakobus Smit defenderá na última etapa da Volta a Segovia a camisola de líder. O surafricano do Club Ciclista Rías Baixas asaltou o primeiro posto da xeral na tarde deste mércores nos 122,8 quilómetros entre San Ildefonso e Torrecaballeros. Peio Goikoetxea (Ampo) adxudicouse a vitoria na liña de meta e o xefe de filas da entidade presidida por José Luis Chamorro entrou 5 segundos máis tarde, situándose cunha renda de 18″ na xeral respecto de Gonzalo Serrano (Caja Rural).

A etapa máis dura da 55ª edición desta rolda presentaba as ascensións de 1ª categoría a Navacerrada e Navafría na primeira metade do percorrido. Seis corredores marcháronse por diante tras estas dúas ascensións. Neste grupo estaba Willem Jakobus, pero non José Antonio García (Gomur), o ciclista que o superaba o día anterior ao sprint e que portaba a camisola amarela.

A cabeza de carreira logrou unha renda de dous minutos e medio respecto dos seus perseguidores e, na chegada a Torrecaballeros, Goikoetxea venceu con 5″ de marxe sobre Moreira (Caja Rural) e Jakobus, que entrou terceiro. A 12″ do gañador acabou Gabriel Pons (Escribano), a 23″ Serrano e a 26″ Jesús Montero (Bicicletas Rodríguez).

O representante da entidade miñorana domina agora a xeral con Serrano a 18″, Goikoetxea a 39″ e Moreira a 41″. Willem Jakobus tamén lidera a clasificación da regularidade. A Volta a Segovia finaliza este xoves con 127 quilómetros, que arrancarán e finalizarán na capital da provincia, un percorrido con tres altos de 3ª categoría.