Anuncios
Ticker de novas

Gondomar recupera a Festa da Rosquilla

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación da Festa da Rosquilla.

Esta mañá presentouse no Concello de Gondomar a Festa da Rosquilla, evento que se recupera despois de 11 anos sen celebrarse a pesar de estar declarada festa gastronómica de interese cultural de Galicia e que terá lugar o vindeiro domingo día 2 de xullo. O acto contou coa presenza do alcalde, Paco Ferreira, a concelleira de Cultura, Nuria Lameiro, José Luis Froiz, presidente de OVALMI, e Rosa Álvarez, de Rosquillas Cristaleiro.

Todos os que se acheguen ata a Vila Condal poderán adquirir unha bandexa de rosquillas variadas, elaboradas polos catro establecementos participantes nesta edición: Rosquillas Cristaleiro, Panadería Confeitería Copena, Pastelería Melosa e Panadería e Confeitería Menisco, cun prezo de 2 euros, e acompañada dunha cunca conmemorativa da festa con viño verde portugués.

Coincidindo coa Festa da Rosquilla, o Concello recuperará tamén o irmandamento co seu homólogo Gondomar de Portugal, inactivo desde hai dúas décadas. A corporación municipal, así como outras autoridades civís e militares da contorna, recibirán ás 11:00 na Praza do Concello aos representantes da Cámara Municipal de Gondomar. Tras o intercambio de obsequios e o izado de bandeiras, a Banda da Agrupación Musical de Vincios interpretará os himnos de Galicia e Portugal e un pasodobre propio da vila, ademais de ofrecer un pasarrúas que marcará o inicio da degustación do típico produto local.

Ás 12:00 do mediodía, xa na Praza da Alameda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, será a encargada de ler o pregón, para ser nomeada a continuación “Rosquillera Maior 2017”.

No mesmo lugar, ás 12:30 horas, actuarán a Banda da Agrupación Musical de Vincios, o grupo de gaitas Aires de Santes e un grupo folclórico chegado de Gondomar de Portugal.

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), preparou, para esta ocasión, un gran concurso de rosquillas, dirixido tanto a hostaleiros como a particulares.

As persoas que desexen participar deberán presentar as súas rosquillas na Praza da Alameda, na caseta da Asociación de Empresarios, desde as 10:00 ata as 12:00 horas da mañá.

O concurso dividirase en dúas categorías: empresarios e particulares. O primeiro premio consistirá nunha cea para dúas persoas con aloxamento e almorzo no Pazo da Escola (Gondomar), o segundo nun bono Relax&Gastro para dúas persoas no Balneario Talaso Atlántico (Oia) e o terceiro unha cea para dúas persoas na Xamonería Serrano (Nigrán). Tamén haberá un premio á orixinalidade, 50 euros en vales de compra para gastar nos comercios asociados de Gondomar.

Finalizada a entrega de premios, prevista para as 13:30 horas, procederase á poxa das rosquillas presentadas a concurso.

Para pechar a festa, haberá un picnic no Parque da Coelleira, que comezará ás 14:00 horas. Todos os que acudan coa súa comida poderán gozar en familia recuperando a tradición de “comer de campo”, contando ademais con obradoiros para os máis pequenos a cargo de Matrácala ás 16:00 horas, a actuación de Ameva Duo ás 17:00 horas e a Batucada de Bloquiño Aperta ás 18:00 horas.

O Concello de Gondomar espera que sexa #UnhaFestaRedonda.

PROGRAMA FESTA DA ROSQUILLA DE GONDOMAR

Anuncios